Alalá 016: PANDERETEIRAS DE BARRO DE ARÉN

O programa dirixido por Senén Bernárdez, achégase esta semana ó concello de Cerdedo para coñecer ás Pandereteiras de Barro de Arén. Foi o propio grupo, durante a gravación dun programa en Soutelo de Montes, os que convidaron ó equipo de Alalá a se achegaren ata a súa aldea, Barro de Arén. O programa aceptou a invitación e descubriu un fermoso lugar no que antes apenas chegaban as leiras para todos os veciños mentres que agora sobran porque só viven unhas oito familias. Iso si, todos eles saben cantar e bailar. Por iso hai uns anos comezaron a chegar rapaces e rapazas interesados en recoller o repertorio tradicional desta zona da comarca flanqueada polas cotas da Serra do Seixo. Grupos como Treixadura, O tear de Llerena ou Donicelas, teñen no seu repertorio pezas e coplas que saíron de Barro de Arén. Co fin de recompilar esas pezas, os veciños comezaron a xuntarse de novo, recuperaron as pandeiretas que levaban anos abandonadas e volveron a cantar e a bailar como cando eran novos. A memoria prodixiosa de Gurmesinda e de Manuela garda un arquivo inesgotable de letras e melodías. De feito no primeiro disco que acaban de editar, “Cerdediño p’rós amores” conten un total de trinta temas e, segundo elas, aínda teñen motísimos máis por grabar. Unha desas pezas é o popular “Arrieiro” que Manuela aprendeu de seu pai cando era nena e que esta muller, que ademais compón, canta coma ninguén. No grupo contan tamén coa voz e co talento de Xosé, que despois de percorrer case toda España por cuestións de traballo, volveu a Barro coa súa muller, Alcira, onde, agora xubilado, canta e tamén escribe cancións. Por suposto el no foi o único que percorreu mundo, outras pandereiteiras como María, Felisa, ou Lola estiveron tamén en Suiza, Barcelona e Francia. A emigración marcou a vida desta aldea na que apenas hai xente nova xa que os fillos de maioría destas familias están espallados polo mundo, desde Pontevedra ata Canarias, Madrid ou Andorra. Pero ademais de falar de todo isto comprobaremos que os veciños de Barro de Arén non precisan máis que xuntarse para facer festa e, en canto soa a pandeireta saen todos a bailar. Sobre todo Delmira, unha muller incrible que con 91 anos segue ensínandolle ós máis novos como se baila unha muiñeira ou unha jota.
Genero:Alalá TVG
Fecha:06/06/2006
Discografica:TVG